Wednesday 24 de April de 2024

Xosé Lois Romero & Aliboria, Xurxo Fernandes, Boyanka Kostova… e moito máis no verán cultural máis refrescante


Presentámosche un avance da programación cultural que se desenvolverá en Carballo ao longo dos meses de xullo e agosto

Concertos, circo, danza, maxia, literatura, cine e festas populares encherán o Verán Cultural máis refrescante. Para non perder o ritmo do San Xoán, os meses de xullo e agosto traerán a Carballo os ingredientes necesarios para elaborar o mellor menú cultural da volta.
Aquí tes un avance, pero haberá moito máis!
DO 7 AO 10 DE XULLO / PRAZA DOS LIBROS
O Xardín Municipal énchese de creatividade e imaxinación: contacontos, música, danza, libros, presentacións e moitas outras propostas que encherán de ilusión o centro neurálxico de Carballo.
VENRES 8 DE XULLO / BELLÓN MACEIRAS & MAMÁ CABRA.
Concerto infantil para os máis cativos.
SÁBADO 9 DE XULLO / CONCERTO DE XOSÉ LOIS ROMERO & ALIBORIA.
Presentan un espectáculo exclusivamente de voces e percusións tradicionais recuperadas de principios e mediados do século XX como instrumentos de labrar o campo, utensilios de cociña ou latas de pemento.
SÁBADO 15 DE XULLO / NOVA GALEGA DE DANZA.
Nova Galega de Danza presenta un espectáculo de danza, Leira, moi física e onde fusiona o tradicional co contemporáneo, acompañado dun excelente composición musical realizada polo carballés Sergio Moure.

SÁBADO 22 DE XULLO / CONCERTO DE XURXO FERNANDES
Unha das voces máis singulares do panorama actual, capaz de innovar minuciosamente desde a tradición cunha visión única sobre as músicas de raíz e de creación colectiva.
SÁBADO 29 DE XULLO: CONCERTO DE UXÍA E JAVIER RUIBAL.
Un retrato musical de dous poetas universais, Rosalía e Lorca, que da man de dous excelentes artistas Uxía e Javier Ruibal, descubrimos a admiración que Lorca sentía pola poesía de Rosalía.

SÁBADO 5 DE AGOSTO / CONCERTO DE BOYANKA KOSTOVA
Trap Rural. É como se definen a súa música o dúo galego formado por Cibrán García e Chicho, que son considerados os impulsores do twerking rural e un dos grupos que conseguiron que o trap entrase con forza no panorama musical en galego.
VENRES 12 DE AGOSTO / DESASTRONAUTS
Unha compañía circense que impresiona ao público máis cativo cos seus espectáculos de altura, humorísticos e imaxinativos.
VENRES 26 DE AGOSTO / FESTIVAL DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL
Coa participación das asociacións con grupos de música e baile tradicional máis representativas de Carballo, que nos amosarán bailes, música e vestiario do noso patrimonio etnográfico.
A diversidade de espazos nos que se desenvolverá a programación, ao aire libre sempre que o tempo o permita, a variedade de xéneros e propostas, a calidade artística e a posta en valor da cultura galega conforman unha programación dirixida a toda a veciñanza de Carballo e comarca, visitantes e turistas. Nos vindeiros días completaremos a programación!